CRTVG

Buscar

Trump esixe no cumio da OTAN que os socios dupliquen o gasto en Defensa

Publicado o 12/07/2018 09:56

En Bruxelas, os 29 xefes de estado e de goberno dos países que forman a Alianza Atlántica de Defensa, manteñen unha cea de traballo, despois dunha xornada chea de tensións e reproches protagonizada polo presidente norteamericano, Donald Trump.

Ao longo do día vimos que todo xesto de Trump foi hostil e de desprezo. Por exemplo, o presidente norteamericano, que non fala francés, nin se molestou en poñer os cascos para escoitar a tradución da intervención nese idioma do primeiro ministro belga. Trump atacou e provocou a todos os socios da OTAN, con especial intensidade a Alemaña. Esíxelles que aumenten o gasto en materia de Defensa.

Os socios non entran nas provocacións do inquilino da Casa Branca. O presidente Sánchez tivo encontros directos coas primeiras ministras do Reino Unido e de Noruega. Con Theresa May falou do 'brexit' e da situación en que quedará Xibraltar e interesouse pola situación dos españois, moitos galegos, afectados polo rexeitamento das pensións despois de traballar en barcos de Noruega durante anos.

A división entre os Estados Unidos e os líderes europeos persisten tras a primeira xornada do cumio da OTAN. De feito, Donald Trump propuxo que destinen o 4% do seu PIB á Defensa, é dicir, o dobre do pactado. E tan só 8 dos 29 aliados alcanzaban o 2%. A ese obxectivo non chega España, tal como lle lembrou hai un días nunha carta a Pedro Sánchez.

O presidente do Goberno, que coincidiu por primeira vez con Trump nun breve saúdo antes da xuntanza, lembrou que o gasto militar está aumentando e salientou as contribucions ás misións da OTAN. España ofreceuse a liderar o adestramento de tropas en Tunisia.

"Sentimos empatía coas demandas norteamericanas, pero España é un aliado comprometido", asegurou Sánchez.

Todos os aliados están aumentando o gasto militar, pero non o suficente para Trump. O mandatario centrou os seus reproches en Alemaña. Di non entender por que o seu país protexe a Alemaña e outros socios europeos de Rusia, mentres compra gas ruso.

"Alemaña é cativa de Rusia", denunciou. 

Merkel respondeu deixando claro que o seu país é libre e independente, tras lembrar que ela mesma vivía cando unha parte do seu país estaba dominado polos soviéticos. A guerra dialéctica rematou nun encontro bilateral en que ambos aseguraron que as relación eran boas.

"Son tremendas", incicou Trump.

Os Estados Unidos aceptou liderar unha nova misión para asesorar tropas en Iraq.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/07/2018