CRTVG

Buscar

Comeza na Ribeira Sacra unha campaña da cereixa que se prevé histórica

Publicado o 13/05/2019 20:17

A campaña da cereixa comeza este ano na Ribeira Sacra con altas expectativas. De feito, agárdase que sexa histórica pola súa abundancia.

Ramón Porto, produtor de cereixa da subzona de Chantada: "Empezamos coa variedade máis temperá, que é a burlat. A verdade é que parece unha colleita extraordinaria. A climatoloxía foi moi boa, tanto na floración coma na crianza. Non houbo moito frío, que ese é un grande inimigo da cereixa. Incluso a choiva foi moi liviá. As expectativas son extraordinaria, segundo comentamos os veciños da contorna".

Estímase que hai máis de 6.000 cerdeiras na Ribeira Sacra. Esta subzona de Chantada é a que concentra as maiores plantacións de cereixa ecolóxica.

Ramón Porto, produtor de cereixa da subzona de Chantada: "Aquí prodúcese cereixa practicamente nas dez parroquias ribeirás, sobre todo dende San Fiz ata Nogueira de Miño, pasando por Belesar, Santiago de Arriba e A Sariña. Segundo un estudo que fixemos hai cinco anos por parte de Cocega, o colectivo da cereixa de Galicia, hoxe haberá aproximadamente unhas 6.000 árbores das diferentes variedades".

Nesta ponte das Letras Belesar celebrará a súa festa da cereixa. Nela haberá, ademais, un certame de aturuxos entre Papeiros e Rabudos. É dicir, entre as dúas beiras do Miño. Trátase dun acervo inmaterial dunha zona, a Ribeira Sacra, que aspira a ser declarada Patrimonio da Humanidade.

Noticias web

13/05/2019