CRTVG

Buscar

Comeza na Moncloa a mesa de diálogo para Cataluña

Publicado o 26/02/2020 16:53

A primeira reunión da mesa de diálogo sobre Cataluña que reúne delegacións do Goberno central e do catalán encabezadas polo xefe do Executivo, Pedro Sánchez, e o da Generalitat, Quim Torra, comezou pasadas as 16:30 desta tarde no Palacio da Moncloa.

Sánchez e os membros do seu Executivo recibiron a delegación catalá nos xardíns do complexo, onde, posteriormente, o presidente do Goberno quedou só para esperar o presidente Torra, que chegou ao lugar uns minutos despois.

Ambos posaron ante os medios gráficos nas escalinatas do edificio, en que ondeaban dúas bandeiras españolas e outra dúas catalás. Ao termo do encontro están previstas senllas comparecencias ante a prensa de Torra e a ministra portavoz, María Jesús Montero. Ambos darán conta da reunión na sala de prensa do edificio do portavoz de Moncloa, un lugar onde non é habitual que comparezan os presidentes autonómicos, aos que normalmente se cede unha sala máis pequena dentro do mesmo complexo.

Torra avanzaba esta mañá que a delegación catalá defenderá "o exercicio do dereito á autodeterminación e a amnistía". "Hoxe, o Govern de Cataluña vai a Madrid a defender os seus principios, que son o exercicio do dereito á autodeterminación e a amnistía", dixo esta mañá en declaracións aos medios. Pola súa banda, Pedro Sánchez pediulle ao independentismo que "recoñeza" que hai unha parte "non menor en Cataluña" que non comulga coa independencia nin coa deriva unilateral deste movemento.

No pleno do Congreso, o presidente dixo que acode á mesa con "o mellor dos ánimos e dos espíritos" e expresou o seu desexo de que "dea froitos para o reencontro necesario entre cataláns".

Noticias web

26/02/2020