CRTVG

Buscar

Comeza o xuízo contra os acusados de agredir dous gardas civís en Alsasua

Publicado o 16/04/2018 14:42

Comezou na Audiencia Nacional o xuízo contra oito mozos de Alsasua acusados de agredir dous axentes da Garda Civil e as súas parellas durante unhas festas desta localidade navarra en outubro de 2016. Aos oito se lles piden penas de entre 12 e 62 anos de prisión acusados de delitos de lesións e ameazas terroristas. Na súa declaración os acusados negaron participar nesa agresión.

O xuízo comezou coa declaración dos oito acusados, entre eles os tres que permanecen en prisión preventiva e para os que se piden as penas máis altas. Ningún deles quixo responder ás preguntas das acusacións e só contestaron ás dos seus avogados.

Jokin Unamuno admitiu que entrara no bar de Alsasua onde se produciron os feitos, pero negou que golpease ou ameazase os dous axentes da Garda Civil. Dixo que si os recoñecera aos dous xa que tempo antes lle puxeran catro multas, e que por ese motivo se encarou con eles.

Adur Ramírez asegurou que el nin sequera pasara por ese bar e que non organizou o fustrigamento aos axentes.

Ohian Arnaz, para quen piden 62 anos de prisión, tamén recoñeceu que estivera no bar, aínda que dixo que non participara en nada.

Segundo a Fiscalía, Arnaz foi quen lle deu unha puñada polas costas a un dos axentes e que golpeou unha das mulleres. No escrito de acusación asegúrase que os dous gardas e as súas parellas foron agredidos con gran violencia e brutalidade, no medio de ameazas que relacionan coa estratexia de fustrigamento á Policía e Garda Civil impulsada pola ETA, e por iso os acusan de terrorismo. Un dos axentes sufriu a rotura dun nocello e estivo fóra de servizo 92 días. As defensas aseguran que se tratou dunha lea de bar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/04/2018