CRTVG

Buscar

Comeza en Galicia a vacinación dos menores de 50 anos

Publicado o 06/06/2021 14:34

• Galicia supera os dous millóns de vacinas postas contra a covid | O Sergas cita en Santiago 3.400 persoas de entre 40 e 49 anos

• Case o 70 % dos españois de 50 a 59 anos xa teñen unha dose posta

Comeza en Galicia a vacinación do colectivo de entre os 49 e 40 anos e faino na área sanitaria de Santiago, a maioría recibirán a primeira dose pola tarde.

Pola mañá era a quenda dos que naceron en 1971, é dicir, os que fan este ano os 50. Chegaban á Cidade da Cultura moi ánimados de por fin vacinarse.

Iolanda Moares, enfermeira e coordinadora da vacinación na Cidade da Cultura:
"Veñen con ganas, contentos, están desexando rematar xa con isto e vacinarse canto antes".
"Pois o meu grupo de amigas do ano 1971 estamos indo estes días. De feito, algunha que tamén foi hoxe mandoume unha mensaxe e moi contenta tamén", di unha muller vacinada.

Coma Pilar, estaban citadas neste grupo de idade unhas 3.800 persoas.
"Desexando que chegase a miña quenda e que isto pase dunha vez, e agora coa chegada do bo tempo aínda máis".
"Estaba desexando, chamáronme pois hai dúas semanas, e contenta".

Pola tarde é a quenda dos nacidos en 1972 e que, polo tanto, fixeron ou van facer os 49 anos.
Están citadas unhas 3.400 persoas. Todos reciben nesta xornada unha primeira dose da vacina de Pfizer:
"Á miña muller, que é máis nova, tócalle a semana que vén, e ás miñas irmás tócalles estes días, contentos".

"Esperando e nada máis, non tiña excesiva ansia, que me chegase a miña quenda e nada máis".

Á espera do balance que se faga ao final do día, a afluencia está a ser masiva nestes grupos de idade. A partir de mañá chegará a vacinación dos menores de 50 anos ao resto de Galicia.

Noticias web

06/06/2021