CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

Comeza en Bos Aires o xuízo por delitos de encubrimento cometidos durante a investigación do atentado da mutualista xudía AMIA

Publicado o 06/08/2015 21:28


Comeza en Bos Aires o xuízo por delitos de encubrimento cometidos durante a investigación do atentado da mutualista xudía AMIA, que en 1994 acabou coa vida de 85 persoas e no que serán xulgados, entre outros, o ex-presidente arxentino Carlos Menem.

Finalmente, o ex-presidente arxentino Carlos Menem non compareceu no xuízo que o encausa por encubrimento, entre outros delitos, tras o atentado da AMIA.

O seu avogado alegou problemas de saúde, acompañado dun informe médico. Outro ausente foi o extitular dos servizos de intelixencia arxentinos, Hugo Anzorreguy, que compareceu por videoconferencia dende unha clínica na que se atopa ingresado.

Quen si asistiu foi o primeiro xuíz da causa, Juan José Galeano, outro dos 13 imputados, que está acusado de prevaricación polo pago dun soborno para incriminar a policías bonaerenses. "O que fixo Menem e compañía é un delito, é dicir, un encubrimento".

21 anos despois do ataque con coche bomba, familiares das víctimas consideran impune o atentado. Aínda non hai ningún condenado. "Que se faga xustiza cos encubridores e que se faga unha condena exemplar para estes encubridores", reclama Diana Malamud, muller das vítimas do atentado. Co xuízo ábrese para eles un novo halo de esperanza.

Nos próximos meses declararán 140 testemuñas que aportarán a súa visión dos feitos no xuízo por encubrimento do que foi o peor atentado terrorista da nación arxentina. Entre eles, a presidenta Cristina Fernández de Kirchner.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Telexornal Serán

06/08/2015