CRTVG

Buscar

Comeza Compostela Ilustrada, con 200 debuxantes que retratarán a natureza urbana

Publicado o 08/11/2018 21:44

Douscentos ilustradores de todo o país participan dende hoxe en Santiago na terceira edición de Compostela Ilustrada. De aquí ao 11 de novembro os artistas debuxarán os espazos naturais da cidade. Compartirán a súa experiencia a través de obradoiros, charlas, exposicións e xornadas de debuxo en vivo. Entre os artistas convidados este ano, Xavier Mariscal, o autor da mascota olímpica Cobi. 

A chuvia obrigou os debuxantes de Compostela Ilustrada a mudar o lugar de traballo e buscar o refuxio dos soportais. Pero o obxectivo desta edición segue sendo o mesmo: retratar a natureza urbana.

Entre os participantes deste ano: Xavier Mariscal, un ilustrador fascinado coas pedras de Compostela. 

Xavier Mariscal, debuxante: "Santiago é como unha modelo moi guapa, moi clásica e nada barroca. Eu estou afeito ao barroco valenciano e aquí é moi austero pero ten moito encanto e ten recunchos marabillosos".

Ademais do debuxo ao vivo, Compostela Ilustrada complétase con charlas, obradoiros e con exposicións como esta de Carlos Silvar, ilustrador especialista en natureza. A través dos seus debuxos os urbanitas descubrimos as cantarelas que medran baixo os abetos dos parques, os mouchos que se agochan nas árbores dos xardíns ou as píntegas que viven á beira dos nosos ríos.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/11/2018