CRTVG

Buscar

Comeza a xuntanza entre o PSOE e Unidas Podemos no Congreso

Publicado o 05/09/2019 17:51
Comeza a xuntanza entre o PSOE e Unidas Podemos no Congreso

A primeira reunión que celebran os equipos negociadores do PSOE e Unidas Podemos desde a frustrada investidura de Pedro Sánchez no mes de xullo comezou pouco despois das 16,30 horas en dependencias parlamentarias do Congreso dos Deputados.

A vicepresidenta do Goberno en funcións, Carmen Calvo, encabeza a delegación socialista, e ao entrar no edificio onde se celebra o encontro afirmou que alberga "todas" as esperanzas de chegar a un acordo coa formación violeta. Acompáñanlle a ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero, e a portavoz socialista no Congreso, Adriana Lastra.

Por parte de Unidas Podemos acoden o deputado Pablo Echenique a portavoz adxunta do grupo na Cámara Baixa, Ione Belarra, e representantes das confluencias En Comú Podem, Jaume Asens, Equo, Juantxo Uralde, Esquerda Unida, Enrique Santiago, e Galicia en Común, Yolanda Díaz. Sobre a mesa, a proposta lanzada o pasado luns polo PSOE con 370 puntos programáticos para chegar a un acordo que permita a investidura de Pedro Sánchez e a formación de goberno antes do 23 de setembro, data límite para evitar a disolución das Cortes e unha nova convocatoria electoral.

Ademais dun acordo programático con garantías, os socialistas ofrecen a incorporación de cargos de Unidas Podemos a órganos públicos, pero fóra do Consello de Ministros, mentres que a formación liderada por Pablo Iglesias insiste en apostar por un Goberno de coalición.

A reunión celébrase nunha sala duns dos edificios parlamentarios do Congreso dos Deputados, a porta pechada, e sen foto previa dos asistentes. O equipo negociador do PSOE xa se reuniu onte con ERC e o PNV dentro da rolda aberta esta semana para explorar a viabilidade dunha investidura exitosa de Sánchez. O propio presidente en funcións entrevistouse tamén onte mércores co presidente de Cantabria e líder do PRC, Miguel Ángel Revilla, quen despois se mostrou convencido de que non haberá acordo para evitar unhas novas eleccións en novembro.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí