Comeza a vendima en Monterrei, coa previsión de recoller 5,6 millóns de quilos de uva
Tras un verán solleiro e caloroso, a vendima comeza hoxe en Monterrei con dez días de adianto con respecto ao ano pasado. Contan chegar ás mesmas cantidades ca entón, 5.600.000 quilos, porque as condicións climáticas foron boas e tampouco houbo grandes pragas.
Onde si se nota a diferenza é na vendima, marcada polo protocolo contra a covid-19. Os traballadores, con máscaras e cada un na súa ringleira.
En ringleiras de un, con controis de temperatura e máscaras de protección comezou esta atípica vendima en Monterrei, onde boa parte dos xornaleiros veñen desde o outro lado da Raia.
"É un pouco máis incómodo pola máscara, vai calor..., pero ten que ser", comenta un xornaleiro.
A adega Pazo do Mar, con viñedos en tres denominacións, foi a primeira en comezar en Monterrei. A orientación da vide e o traballo de limpeza da folla, facilitaron a rápida maduración. Tamén o tempo deste verán: tempo soleado con chuvia ao final.
Manuel Méndez Gutiérrez, xerente de Pazo do Mar, comenta que "esta auga igualou a evolución fisiolóxica da cepa e axudou a maduración". "Deulle á cepa recursos para madurar os acios", asegura.
Non houbo pragas importantes nin xeadas devastadoras como a de 2017, así que o consello regulador desta denominación, que agrupa 27 adegas do val de Monterrei, conta colleitar este ano o mesmo que o pasado.
Lara Da Silva Rodríguez, presidenta do C. R. D. O. Monterrei: "Estamos a falar de 5.600.000 quilos, os que se recolleron o ano pasado, e este ano as previsións son en torno a esa cifra", sinala Lara da Silva Rodríguez, presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei.
Preto de 400 viticultores traballan nesta denominación, a máis nova de Galicia.