CRTVG

Buscar

Comeza a vacinación xeral para os galegos do grupo de 20 a 29 anos

Publicado o 26/07/2021 08:22

• Hai máis de 16.500 casos activos de covid−19 en Galicia

• Soben os hospitalizados, agás na área de Ferrol

• Desde o venres finaron cinco anciáns con covid−19

Esta semana comeza a vacinación xeral para os menores de 30 anos en toda Galicia, e case o setenta por cento da poboación ten a pauta completa. Hai máis de 16.500 casos activos de covid−19 e soben os hospitalizados en todas as áreas sanitarias menos na de Ferrol.

Preto dun millón setecentos mil galegos teñen a pauta completa de vacinación, e recibiron cando menos unha dose o 95 por cento dos maiores de corenta anos. Esta semana comeza a quenda xeral para os mozos de 20 a 29 anos en todas as áreas sanitarias. O disparo de saída para este grupo deuse en Santiago o xoves. Os ocos que queden cubriranse con rapaces de 16 a 19 anos que pediron cita.

Ao tempo, seguen subindo os rexistros da quinta vaga, máis entre os non vacinados. Dous de cada tres novos infectados teñen entre 15 e 39 anos. Os casos activos en Galicia achégase aos 17.000. Na última xornada volveron ser máis de mil os contaxios detectados, por sexto día consecutivo. A variante delta acelera a expansión do virus, e sábeno ben nos sete concellos que agora están en nivel de restricións máximas, como O Barco de Valdeorras. 

Hai 15 usuarios de residencias infectados despois de detectárense dous casos novos en Vigo, no xeriátrico Bodía. E repunta a presión ao sistema sanitario, con 21 ingresados máis: hai douscentos en planta e 22 en coidados intensivos. Onde máis soben é na área da Coruña e mais na de Ourense.

Esta foi unha semana en que aumentaron os falecementos. Nas últimas horas notificouse unha nova morte no hospital de Pontevedra. Desde o venres finaron nos hospitais cinco anciáns con covid−19.

Noticias web

26/07/2021