CRTVG

Buscar

A vacinación masiva busca administrar en Galicia 145.000 doses en seis días

Publicado o 06/04/2021 20:42

Galicia xa está vacinacinando de forma masiva contra o coronavirus. Hai 14 puntos de vacinación habilitados en toda a comunidade autónoma espallados polas sete áreas sanitarias. Todos os que acudiron hoxe teñen entre 60 e 65 anos. A partir do xoves vanse vacinar os que teñen entre 75 e 79.

A vacinación masiva comezou co grupo de idade de 60 a 65 anos, aos que se lles está poñendo o soro de AstraZeneca. Entre este martes e o mércores administraranse 55.000 doses. Os primeiros convocados, os de maior idade.

Cristina Gómez Lendoiro, coordinadora do equipo de vacinación de Expocoruña, asegura: "Acudiron practicamente todos os citados. De momento estamos satisfeitos".

A partir do xoves empezarase a vacinar co fármaco de Pfizer os que teñan entre 75 e 79 anos, tamén en orde descendente de idade. Xa os empezaron a citar mediante o móbil. Serán 90.000 persoas. En total, o Sergas prevé vacinar ata o domingo 145.000 galegos.

A vacinación masiva contra o coronavirus é un reto sen precedentes ao que se enfronta o Sergas, que mobilizou preto de 500 profesionais sanitarios e de loxística para poñer en marcha o operativo, para o que foi preciso tamén botar man de grandes espazos.

Javier Puente, xerente da área sanitaria de Vigo: "O obxectivo é vacinar a maior cantidade de xente posible no menor tempo, e só se consegue trasladándonos a espazos grandes. Aí si que é posible".

Ao mesmo tempo, continúa a vacinación dos maiores de 80 anos. E para a semana que vén está previsto empezar a vacinar as persoas con patoloxías previas, como enfermos oncolóxicos e de diálise.

Noticias web

06/04/2021