Galicia inicia a vacinación dos mozos de 12 e 13 anos
• Sanidade di que o obxectivo é conseguir que os menores estean inmunizados antes do inicio do curso escolar
• A Cidade da Cultura, en Santiago, rexistra longas colas
Galicia vacinará os nenos de entre 12 e 13 anos, con doses de Moderna, este luns 23 de agosto, tal e como informou o pasado venres o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tras visitar o punto de vacinación da Cidade da Cultura, de Santiago de Compostela.
Este avance no proceso débese á chegada dunha partida de vacinas de Moderna, confirmada na mañá do venres e que permitiu a citación durante a tarde dese mesmo día dos menores que fixesen os 12 anos. Este matiz, como o propio conselleiro apuntou, é "importante", posto que as vacinas non están autorizadas para nenos menores desa idade.
A inoculación das doses a este grupo realízase o luns, para conseguir que o período de cadencia entre doses, neste caso de catro semanas para Moderna, termine xusto antes de empezar o curso escolar. Comesaña indicou ademais que Sanidade creará un sistema de captación para que todos aqueles nenos que "vaian facendo 12 anos" entren nas listas de vacinación.
As citacións realizáronse por SMS ao móbil que os mozos teñan asociado á súa tarxeta sanitaria. Outro punto importante do anuncio é a obrigatoriedade por parte dos menores -tamén para os da franxa de 14 a 16, cuxa vacinación xa estaba planificada- de presentar un documento de conformidade asinado polos pais ou titores legais no lugar en que lles corresponda vacinarse.
Desta forma, a planificación de vacinación para esta semana, tal e como sinalou Comesaña, ocuparase o luns na inoculación de dose a menores de entre 12 e 13 anos, con Moderna, e mércores e xoves, a mozos de entre 14 e 16 anos, con Pfizer. Ademais, ao longo desta semana tamén está previsto administrar segundas doses aos mozos de entre 20 e 29 anos.
Tal e como sinalou Comesaña, o proceso planificouse desta forma para que, "na semana do 13 ao 19 de setembro -data de inicio do curso escolar-, todos os mozos teñan a pauta completa". "Esta é a forma de garantir un inicio de curso aínda máis seguro", destacou Comesaña.
Este luns serán chamados menores de 12 e 13 anos de toda Galicia aos puntos de vacinación masiva, onde se lles administrará a primeira dose de Moderna. Por áreas sanitarias, a de Santiago e A Barbanza citou máis de 5.000 persoas para este luns, tal e como informou a propia xerencia da área. Na Cidade da Cultura foron chamados 4.290 mozos, mentres que no Hospital da Barbanza estaban citados 790 menores de 12 e 13 anos. A área santiaguesa tamén apuntou que para o mércores 25 e o xoves 26 terán cita 10.800 mozos de 14 a 17 anos.
María José Parrado, enfermeira coordinadora do centro de vacinación do Gaiás explica que viven o día de hoxe "como algo moi especial, porque é algo que levamos esperando moitisimo temp, chegar ao grupo de 12 anos. Levamos moitos meses trala campaña de vacinación e é un día que viamos superlonxe e a verdade é que estamos moi emocionados". O éxito do chamamento reflícteno as imaxes. Ringleras e algún colapso de tráfico.
En canto a Ferrol, o luns ten previsto vacinar máis de 2.200 persoas de 12 e 13 anos coa primeira dose, e xa o mércores e o xoves, administrar tamén a primeira picada a unhas 3.900 persoas de 14 a 16 anos. O martes e o venres dedicarano nesta área sanitaria a inxectar segundas doses da vacina contra a covid a máis de 3.600 persoas de entre 16 e 29 anos.
En Lugo citaron un total de 4.580 nenos de entre 12 e 13 anos, dos que 3.150 foron chamados ao momento de vacinación do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), 940 no punto do Hospital da Mariña e 490 no punto de vacinación de Monforte de Lemos.
A área pontevedresa convocou, no recinto feiral de Pontevedra, 4.582 mozos de entre 12 e 16 anos para primeiras doses e, no recinto feiral FEXDEGA Vilagarcía de Arousa, outros 1.300 rapaces, tamén para primeiras picadas.
Na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras están citados 4.399 nenos e nenas que recibirán a súa primeira dose da vacina. En Expourense están convocados 2.560 menores na quenda da mañá e outros 1.131 na quenda de tarde, mentres que no Hospital Público de Valdeorras serán 434 os citados e no Hospital Público de Verín outros 274. O mércores e o xoves será a chamada para os adolescentes de 14 a 16 anos xunto ao resto de mozos e mozas de ata os 19 anos que están pendentes da súa primeira dose da vacina, xa con Pfizer.
Pola súa banda, a área da Coruña-Cee citou, ao longo de toda a semana, un total de 39.620 persoas, 37.556 na Coruña (IFECO) e 2.064 en Cee. A semana empezará coa inoculación de primeiras doses aos mozos de entre 12 e 16 anos, 5.393 na Coruña e 512 en Cee. O martes destinarase a completar pautas de persoas entre 20 e 29 anos, para o que se citou a 5.613 persoas na cidade herculina e a 434 en Cee. As segundas doses volverán inxectarse o venres 27, día en que tamén se despacharán autocitas -na Coruña, 9.488, e en Cee, 412-.
A vacinación dos máis novos coas primeiras picadas retomarase o mércores 25, con 10.181 e 403 citados de entre 12 e 16 anos na Coruña e Cee, respectivamente; e o xoves 26 -6.881 persoas citadas no IFECO coruñés e 303 en Cee. Estes dous días tamén se empregarán en repescas e en autocitas, segundo informou a área sanitaria.