CRTVG

Buscar

Ata o 31 de xullo está aberta a temporada de pesca da troita en Galicia

Publicado o 17/03/2019 23:10

Os pescadores madrugaron para iniciar unha nova temporada de pesca da troita. Unha temporada que se estende dende hoxe ata o 31 de xullo. As novidades: créanse dúas novas zonas de adestramento no río Miño. E inclúese o encoro de Cachamuíña, en Ourense, como zona habilitada para a pesca de especies exóticas invasoras.

A pesca do salmón comezará o 1 de maio. En Baio, o couto comprende un tramo de máis de oito quilómetros polo río Grande, entre ponte Lodoso e a ponte de Vadelama. Hoxe viron bastantes exemplares.

A temporada estenderase ata o trinta e un de xullo. Cada pescador pode capturar ao día un máximo de seis troitas cun talle mínimo de dezanove centímetros. O caudal do río é óptimo, pero as expectativas non son especialmente optimistas, segundo os pescadores, por mor da contaminación e dalgunhas especies depredadoras, como os cormoráns.

Como novidade, esta temporada creáronse tres novos coutos sen morte, dous na provincia de Lugo e un na de Pontevedra. Ademais, o encoro ourensán de Cachamuíña incluíuse como zona habilitada para a pesca de especies exóticas invasoras. O 1 de maio comeza o período hábil para a pesca do salmón e do reo. En Galicia hai arredor de 40.600 licenzas para a pesca fluvial.

Noticias web

17/03/2019