CRTVG

Buscar

O Congreso habilita a última fin de semana de decembro por se se convoca o debate de investidura

Publicado o 23/12/2019 10:32

Semana clave para despexar se haberá investidura antes de fin de ano.

A presidenta do Congreso pode convocar o pleno de investidura con só 24 horas de antelación. Se o fai esta semana, a data máis probable para o discurso do candidato á Presidencia do Goberno sería o 27, venres. A primeira votación celebraríase o 28, pero Sánchez non conta con maioría absoluta, volvería someterse a votación corenta e oito horas despois, o luns día 30. Daquela só precisa de maioría simple.

A outra opción de investidura, a que semella máis probable, é en xaneiro. O debate comezaría o xoves día 2. A primeira votación sería o venres 3 e as corenta e oito horas para celebrar a segunda cúmprense o día 5, domingo.

O pleno de investidura está nas mans de Esquerra Republicana. Antes de pechar o pacto cos socialistas queren escoitar o ditame da Avogacía do Estado sobre Oriol Junqueras.

De portas para fóra, as negociacións están conxeladas mentres non se pronuncie a Avogacía do Estado, que depende do Ministerio de Xustiza, sobre a inmunidade de Oriol Junqueras.

Pero neste compás de espera, ambas as dúas partes recoñecen que seguen mantendo contactos "máis discretos" e non se descarta un pacto inminente. Díxoo esta mañá nunha entrevista un dos deputados de Esquerra Republicana.

Hoxe mesmo, a Mesa do Congreso decidiu facer hábiles os días 28, 29 e 30 de decembro, os próximos sábado, domingo e luns, ante a posibilidade de que se celebre nesas datas o debate de investidura.