CRTVG

Buscar

Comeza a restrición de entrada desde países externos á UE

Publicado o 23/03/2020 07:57
Comeza a restrición de entrada desde países externos á UE

Este luns comeza a aplicarse a orde que restrinxe durante un mes as viaxes non imprescindibles a España desde países non integrantes da Unión Europea e outros asociados ao espazo Schengen, por razóns de orde pública e saúde pública con motivo da crise do coronavirus.

A orde aplica a partir desta medianoite as limitacións acordadas o pasado 17 de marzo polo Consello Europeo para reforzar as fronteiras exteriores mediante unha restrición temporal das viaxes non esenciais á UE por un período de 30 días.

Os socios da UE deixaron á marxe destas limitacións os cidadáns europeos ou os residentes de longa duración, e tamén o persoal diplomático.

A orde complementa as medidas aprobadas xa con motivo da declaración do estado de alarma, mediante as cales se restablecen os controis nas fronteiras interiores terrestres con motivo da situación de crise sanitaria.

Por regra xeral, non poderán entrar a España por motivos de orde pública ou saúde pública os nacionais de países non integrantes da UE, coa excepción dos que sexan residentes nela ou en países asociados ao espazo Schengen que se dirixan ao seu lugar de residencia, titulares de visado de longa duración expedido por un Estado membro ou do espazo Schengen, traballadores transfronteirizos, profesionais sanitarios ou do coidado de maiores, persoal dedicado ao transporte de mercadorías no exercicio da súa actividade e persoal de voo.

Tamén quedan á marxe da prohibición o persoal diplomático, as persoas en tránsito por motivos familiares imperativos "debidamente acreditados" e as persoas que acrediten documentalmente "motivos de forza maior ou situación de necesidade" ou motivos humanitarios.

Estas disposicións non afectan nin á fronteira terrestre con Andorra nin a Xibraltar.

De forma temporal, tamén se pechan os postos terrestres habilitados para a entrada e a saída de España a través das cidades de Ceuta e Melilla.