CRTVG

Buscar

Comeza a reconstrución no Líbano e o Goberno recoñece que sabía do nitrato

Publicado o 13/08/2020 09:07

A cidade de Beirut recupérase da devastación que provocou o estoupido no porto. Os cidadáns comezan a reconstruír as súas casas, mentres o fiscal xeral está a investigar as responsabilidades do caso despois de que o presidente recoñecera que sabía do almacenamento do nitrato que causou o estoupido. A ONU puxo en marcha o envío de alimentos.

A cidade libanesa recupérase devagar. O estoupido provocou 13.000 millóns de euros de perdas, segundo estimou o Goberno. 171 mortos, máis de 6.000 feridos e 300 mil persoas sen fogar.

O presidente do Líbano recoñeceu este mércores que soubo da presenza dunha gran cantidade de nitrato de amonio que causou a explosión no porto de Beirut o 20 de xullo, dúas semanas antes do estoupido e asegurou que se informou de inmediato ao Consello Supremo da Defensa.

O fiscal xeral abriu unha investigación e interrogou 10 oficiais do Exército, da seguridade estatal e de aduanas e a outros vinculados coa actividade do porto, involucradas nas explosións no inicio da pescuda para determinar responsabilidades. Unhas 20 persoas continúan baixo prisión domiciliaria a espera de comparecer.

O Programa Mundial de Alimentos enviará ao Líbano de 17.500 toneladas de fariña de trigo e trigo sen procesar. A axencia da ONU sinalou que o cargamento, que repoñerá as reservas do país, chegará nos próximos días e será suficiente para tres meses. O programa necesita preto de 200 millóns de euros. O Líbano importa case o 85% dos alimentos que consome e o principal porto de entrada é o de Beirut, hoxe destruído polo estoupido.

Noticias web

13/08/2020