CRTVG

Buscar

Comeza a poda de inverno dos viñedos na Ribeira Sacra

Publicado o 23/12/2020 20:54

Protexidos coa máscara, gardando a debida distancia e con desinfección constante de indumentaria e apeiros. Así se está a realizar a poda de inverno nos viñedos da Ribeira Sacra. Ademais de polas precaución sanitarias, este ano tamén é diferente polas altas temperaturas coas que se está a podar, algo que podería ter efectos negativos nas videiras porque non hai frío abondo para eliminar os restos das pragas de fungos e insectos.

"Con estas temperaturas non hai parada vexetativa das videiras e a savia segue a circular pola planta.", Juan L. Ocampo. encargado da viticultura de Vía Romana.

"Este inverno non ten que ver cos de antes. Non moitos anos atrás viñan xeadas e ía máis frío", di Luis Vázquez. 

Vara cotón é a fórmula de poda tradicional na Ribeira Sacra, pero estanse a probar técnicas novas como vaso, guyot ou pérgola. En todo caso, un traballo estritamente manual e que hai que facer planta por planta e con todo o esmero para que as videiras produzan uvas en cantidade e calidade. E sen esquecer a fase da lúa...

"Cando tes moita extensión dise que podamos en lúa podente. É dicir, cando se pode. Pero máis importantes que a lúa son as boas prácticas na poda".

A de inverno é a primeira e máis importante poda. Xa na primavera virá a chamada poda en verde coa que se seleccionan os acios e polas que apuntan a dar o mellor froito.

Noticias web

23/12/2020