CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Mediodía

Comeza a peonalización da Cidade Vella da Coruña

Publicado o 18/08/2014 14:09

Primeira data sinalada no calendario municipal de peonalización da zona histórica herculina. A partir de hoxe só poden estacionar intramuros da cidade os residentes con tarxetas coma esta. É un documento outorgado polo Concello aos veciños sas rúas da Cidade Vella, que nesta primeira fase poderán seguir aparcando libremente. A Policía Local concédelles, así e todo, uns días de graza aos condutores que aínda non están en regra co tema dos permisos e limítase a informalos mediante estas notas.

"O problema é o aparcamento. Xa se deron 400 tarxetas de residentes e aínda quedan os das zonas limítrofes. Haberá só 300 prazas. Non chegan, evidentemente", di Rosa Quiroga, presidenta da Asociación de Veciños Cidade Vella.

Amais dos coches autorizados, tamén poden estacionar durante tempo limitado vehículos para carga e descarga para servizo dos comercios da Cidade Vella. Todos, veciños e comerciantes, pero tamén traballadores desta zona da Coruña, piden que os aparcadoiros privados reserven prazas a prezos máis competitivos.

"Creo que vai ser mellor, que vai haber máis sitio para aparcar para os veciños. O problema vai ser onde aparcamos despois. Os prezos dos aparcadoiros teñen que baixar", asegura un veciño.

"Os meus compañeiros están desesperados. Os aparcadoiros son carísimos".

A peonalización é unha vella reivindicación dos veciños da Cidade Vella, que está a piques de facer 30 anos da súa declaración como Ben de Interese Cultural.

"Era imprescindible. Isto era un aparcadoiro para a cidade e debe ser unha das poucas zonas antigas sen peonalizar. Creo que se conseguirán cousas boas para veciños e comerciantes", declara satisfeito un veciño.

Durante a primeira fase de peonalización limítase soamente o estacionamento e non a circulación, que se prohibirá totalmente en 2015, cando rematen as obras de urbanización da Marina.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí