Comeza a operación especial de Tráfico de Semana Santa
A partir das tres da tarde dará comezo a operación especial de Tráfico de Semana Santa, na que se prevén millón e medio de desprazamentos na nosa comunidade ata o vindeiro domingo á medianoite. Nesta ocasión, Tráfico contará con 600 efectivos encargados de controlar que todo se desenvolve con normalidade.
Precisamente, os dispositivos de retención e as distracións, en especial o uso do móbil, serán moi vixiados polos axentes, preocupados polos datos do ano pasado, no que o móbil ocasionou o 50 por cento dos sinistros.
O obxectivo, coma sempre, é o de seguir reducindo as vítimas mortais nas estradas. Na anterior Semana Santa houbo tres falecidos, e no que vai de 2019 perderon a vida 27 persoas nas estradas galegas.
Dende a Dirección Xeral de Tráfico recomendan extremar todas as precaucións ao volante, tanto en desprazamentos curtos coma longos, e evitar as horas puntas.