Comeza a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia

Ribadavia é xa un fervedoiro de teatreiros. Ás oito desta tarde tiña lugar na alameda de Ribadavia o primeiro espectáculo, Hippos dos cataláns Zum Zum Teatre. Este venres quedaba oficialmente inaugurada a edición número 37 da MIT, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Un festival que este ano recupera esa dimensión internacional xa que o ano pasado polas restricións da covid quedara restrinxida a só espectáculos do país. Este ano, ata o 25 de xullo, haberá en Ribadavia moito teatro galego, si, pero tamén compañías de Bélxica, Grecia, Portugal, Andalucía, Madrid. Na inauguración, o director da MIT, Roberto Pascual, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, salientaron a importancia desta cita e de apoiar a cultura en momentos tan complicados coma este, iso si extremando as medidas de seguridade. As entradas poden mercarse na Rede e tamén na sede da MIT. Bulan que quedan poucas, teñen espectáculos moi diversos para elixir. A postverdade e os feminicidios son algunhas liñas temáticas desta edición.