CRTVG

Buscar

Comezan a instalar en pleno setembro as luces de Nadal nas rúas de Vigo

Publicado o 11/09/2019 21:22

Quedan máis de dous meses para que Vigo acenda as luces de Nadal, pero a empresa instaladora comezou xa este mércores a preparar todo. E o tempo vaille facer falta.

A cidade quere superar o listón do ano pasado. E desta volta haberá 1 millón máis de luces. Estarán iluminadas máis de 300 rúas e unhas 400 árbores. A árbore de Nadal será máis grande ca a do 2018.

Haberá unha nora de 60 metros, pista de xeo, rampla de neve, tres mercados, unha aldea de Nadal, un gran boneco de neve e ata unha nave espacial. 

Abel Caballero, alcalde de Vigo, di que o resplandor do acendido de Vigo se verá dende todos os lugares de España. Dende Barcelona, dende Sevilla, dende Bilbao e mesmo dende Nova York.

Dous millóns de persoas visitaron o ano pasado as luces de Nadal de Vigo. E este ano o alcalde da cidade agarda que sexan moitos máis. Abel Caballero di que o ano pasado ía chamar o alcalde de Nova York para convidalo. Este ano as luces van ser tan excepcionais que vai ser o alcalde da cidade estadounidense o que o chame a el para dicirlle que vai.

O acendido será o 23 de novembro, ás oito e media da tarde. E para que todos os visitantes gocen do acto, Abel Caballero xa anunciou un decreto para que ese día vaia bo tempo.



 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/09/2019