CRTVG

Buscar

Comeza a Feira Internacional do Libro da Arxentina con presenza galega

Publicado o 27/04/2018 15:21

A páxina internacional abrímolo hoxe na Arxentina. Comezou a Feira Internacional do Libro de Bos Aires. Unha das citas literarias máis importantes de América Latina, que volve contar con presenza galega. A caseta da Xunta de Galicia actuará durante tres semanas como un grande escaparate das nosas letras ante un dos principais mercados da rexión. 

Bos Aires será durante os vindeiros días toda unha capital da cultural en América Latina, pois xa deu comezo a 44 edición da súa Feira Internacional do Libro.

Un evento no que Galicia volverá ter protagonismo, por unha banda co xa tradicional 'stand' da Xunta de Galicia, e por outra porque foi unha galego-arxentina, a escritora Claudia Piñeiro, a encargada de dar o discurso inaugural da feira.

Grandes reivindicacións nesta primeira xornada, onde aos pedidos habituais de melloras para o sector editorial arxentino, se sumaron reclamos feministas, na voz incluso da propia Claudia Piñeiro. Ela é só a cuarta muller que abre esta importante cita literaria en 44 edicións. 

No 2017 pasaron pola feira máis de 1,2 millóns de visitantes, e nese marco os autores galegos contarán cun espazo propio para promocionarse.

Emiliano Guangiroli - Encargado do stand da Xunta de Galicia: "A Feira do Libro pediunos traer de Galicia tres autoras importantísimas, unha delas unha científica para dar conferencias específicas aquí na Feira do Libro, e tamén nos pediu traer o duo AldaoLado, que son poetas". 

A elas súmanse Xabier Quiroga ou Luís González Tosar, que compartirán cartel con figuras da literatura internacional como Paul Auster, Mario Vargas Llosa ou María Dueñas, entre outros. Unha programación de máis de 1.500 actividades esparexidas durante case tres semanas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/04/2018