CRTVG

Buscar

Comeza a época de máis presenza de velutinas

Publicado o 23/06/2020 21:14

O confinamento fixo que este ano non se puidesen colocar suficientes trampas para combater a vespa velutina nas comarcas onde máis abunda o insecto asiático. A mala floración das árbores froiteiras freou parcialmente a expansión da velutina, pero xa se capturaron numerosos niños, tanto primarios como secundarios. Os apicultores alertan de que nestas semanas as avespas poden aparecer en calquera lugar, dende fragas a eucaliptais e dende matos a parques públicos.

"O outro día aínda atopamos un niño primerio nunha zona onde plantamos castiñeiros. Hai que ter moito coidado cos niños porque atacan cando alguén se achega".

Durante as vindeiras semanas vaise producir a floración do breixo e, sobre todo, da silveira e de ser abondosa provocará que se dispare o número de vespas vellutinas en toda Galicia. Os expertos lembran que o único método eficaz para combatelas é a colocación de trampas. E din tamén que haberá que afacerse a convivir con elas ante a imposibilidade de erradicalas.

"Hai que comezar o traballo poñendo trampas na primavera e facer un seguimento. A día de hoxe vexo difícil erradicalas, porque tería que ser cun produto só para elas".

O mes pasado faleceron dúas persoas en Galicia pola picada das velutinas, polo que cómpre extremar as precaucións.

Noticias web

23/06/2020