CRTVG

Buscar

Comeza a desmontaxe da exposición 'Galicia, un relato no mundo'

Publicado o 08/06/2020 15:02

A Santa do escultor Francisco Asorey é unha das trescentas obras de arte que formaron parte da exposición Galicia, un relato no mundo. Despois de case 7 meses na Cidade da Cultura, hoxe emprendía o camiño de volta a Uruguai, onde levaba case 70 anos na Casa Galicia de Montevideo. A pesar de que a exposición rematou oficialmente o 12 de abril, a maior parte das pezas, procedentes de prestixiosas coleccións internacionais, agardaban aínda o momento de volver ao seu destino debido á crise da COVID-19. 

"A Santa de Asorey era unha das pezas que estaba pendente, como tamén a Biblia Kennicott, que estaba pedente de ser devolta á Universidade de Oxford, ou o Libro das Invasións, do Trinity College de Dublín. É dicir, bastantes pezas que tiñan que estar agardando, como os cadros do Museo do Prado", asegura Manuel Gago, comisario da exposición.

A mostra trouxo por primeira vez a Galicia a Biblia Kennicott, un dos manuscritos hebreos máis valiosos, escrito na Coruña en 1476 e conservado na Universidade de Oxford, ou o Cancioneiro da Vaticana, peza cumio da lirica galego-portuguesa.

A pesar de que tivo que pechar as portas un mes antes do previsto debido á declaración do estado de alarma, a exposicón Galicia, un relato no mundo foi a máis concorrida ata o momento no Museo Centro Gaiás, con máis de 43.000 visitantes.

Noticias web

08/06/2020