CRTVG

Buscar

Comeza a derruba parcial dun bloque de vivendas de Viveiro declarado ilegal

Publicado o 02/03/2020 14:20

As familias que levan residindo 30 anos nas últimas plantas deste edificio de Viveiro foron desaloxadas para poder realizar unhas obras de derruba parcial. Os traballos obedecen a unha sentenza de 2002, que nun principio obrigaba a derrubar por completo o inmoble por non corresponderse cos planos. Finalmente, grazas ás negociacións do Concello, unicamente se reducirán as alturas nos baixos, nos entresollados e mais nas últimas plantas, que perden metros habitables e parte da terraza.

"Rebaixan os faiados. Quítanlles case un metro. Tiñan dous e pouco, polo que non valen para ser habitables. Os últimos tiñan acceso a un cuarto arriba, e iso xa llelo quitan. Quedan moi recortados, polo que os faiados non van valer para nada agora", di Francisco Yáñez, presidente da comunidade de veciños.

"Os que tiñan os rochos arriba, quédalles 1,50 de altura. Hai que baixar todo o que é o lousado. Eu vivo no cuarto, no quinto a miña sogra, e aí é onde van tamén retirar a parede 20 centímetros".

Prevese que as obras para adaptar este edificio á legalidade se prolonguen entre tres e catro meses. Entrementres, as oito familias afectadas serán realoxadas con cargo ao Concello de Viveiro.

"Buscoulles o Concello uns aloxamento para ir. E o que ten familia ou piso, meteuse aí. Din que para maio está listo, pero eu creo que nin en todo o verán".

"E gastos, todos a conta nosa. E así estamos. E desta volta a ver se vai. Falta lle facía, para acabar dunha vez con este pesadelo e este absurdo, porque sigo dicindo que é un absurdo", asegura o presidente da comunidade.

O edificio afectado encóntrase na rúa viveirense Nicolás Cora, que rodea a parte alta do recinto histórico da vila.

 

Noticias web

02/03/2020