CRTVG

Buscar

A Revista

Comeza a certificación de canais da IXP Vaca e Boi de Galicia

Publicado o 13/02/2018 13:23

A carne de vacún maior galego está a un paso de saír ao mercado perfectamente identificada. A IXP Vaca e Boi de Galicia xa marcou as primeiras canais no matadoiro así que, despois duns días de maduración, cara a finais deste mes por fin chegará ao consumidor con todas as garantías de orixe e de calidade.

Estas son as primeiras canais certificadas pola Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia. Con estas contraetiquetas vaise identificar a orixe e a calidade da carne de animais adultos nacidos, criados e sacrificados aquí. A carne de vacún maior ten cada vez máis demanda no mercado, así que esta era unha necesidade para ordenar o sector e revalorizar esta produción tradicional.

A IXP botaba a andar este verán coas primeiras inscricións, e hoxe xa suma 186 explotacións e 19 industrias cárnicas. Os animais candidatos a levar esta certificación son machos de máis de catro anos e castrados no primeiro ano de vida, e femias que tiveran polo menos un parto, de todas as razas do país e algunha foránea, tanto de carne coma de leite.

A alimentación será a tradicional, coa excepción de que polo menos o oitenta por cento das forraxes terá que producirse en Galicia e os pensos terán que comprarse de industrias controladas polo consello regulador. Só se van certificar as canais que teñan certas características de conformación e de engraxamento, así que é fundamental atender ben á alimentación na fase final de engorda.

Contan con mellorar a produción, e que iso tire tamén do prezo. Xa saben que os animais de alta calidade que chegaban ata agora ao mercado pagábanse ben, e que tiñan boa demanda, así que teñen o camiño ben definido. Trátase de que as ganderías aposten por desenvolver todo o potencial que teñen, de xeito que ese produto satisfaga todas as expectativas do consumidor.

Os selos de 'Vaca Galega' e de 'Boi Galego' van ser os que identifiquen este produto no mercado, e as canais que teñan maior entrefebrado e unha cor amarela alaranxada na graxa, conseguida con pasto fresco e millo, poderán venderse como bois e vacas selección.
A IXP tamén vai facer un esforzo por poñer en valor outros cortes, máis alá do lombo e o solombo, outro xeito de facer máis rendible esta produción.

Xa certificaron as 14 primeiras canais, e con elas ábrese un novo camiño para poñer en valor esta produción. Case 3.700 vacas e 59 bois están inscritos xa na IXP, coa que se pretende, en definitiva, aumentar as rendas dos gandeiros galegos e garantirlle ao consumidor a orixe e trazabilidade dunhas das que xa se cotizan entre as mellores carnes do mundo

A Revista

13/02/2018