CRTVG

Buscar

Comeza a campaña electoral máis virtual e sen actos multitudinarios

Publicado o 26/06/2020 00:00

Comeza un proceso electoral que rematará coa constitución do novo Parlamento. Os partidos que concorren poden facer campaña desde as doce desta noite e durante quince días, ata o 10 de xullo.

O prazo para solicitar o voto por correo remata o 2 de xullo. E, unha vez recibidas as papeletas na casa, teñen ata o mércores 8 de xullo para enviar o voto por correo. O sábado 11 de xullo será a xornada de reflexión. E o domingo día 12 a xornada electoral.

A campaña para os comicios autonómicos en Galicia do 12 de xullo será un pouco máis virtual e menos presencial debido ás limitacións de capacidade de actos públicos impostas para evitar unha eventual propagación do coronavirus.

Iso redundará nun incremento da produción de contidos de vídeo e imaxe en redes sociais telemáticas por parte dos partidos políticos e da difusión de mitins por internet, coa intención de mobilizar o electorado e de captar sobre todo o voto dos mozos.

Os partidos pretenden combinar as fórmulas de contido dixital coas tradicionais campañas en medios de comunicación de masas e as reunións, de limitado público, en diversos puntos de Galicia para tratar de chegar ao maior número de votantes, xa que os mitins multitudinarios, prohibidos por precaución para evitar brotes de propagación da epidemia, quedaron relegados.

Disparo de saída nas cidades máis poboadas

Os partidos que se presentan ás eleccións ao Parlamento de Galicia xa poden pedir o voto desde esta media noite. E é que a campaña electoral xa está en marcha. A Coruña e Pontevedra foron as provincias que escolleron as formacións para pegar os primeiros carteis da carreira cara a cita coas urnas do 12 de xullo.

O Partido Popular escolleu A Coruña para pedir o voto por vez primeira nesta campaña. Feijóo dixo que o 12 de xullo hai que elixir entre a unidade ou a división, entre a experiencia e os experimentos. O lider dos populares galegos chamou a unha participación masiva e recordou que aínda non está nada decidido.

"Non hai ningún voto nas urnas, non hai nada gañado, non hai nada conseguido, nada está finalizado, todo está por empezar. E se preferides unha opción sobre outra, xa sabedes: se non imos votar salirá a opción que non queredes e se ides votar salirá a opción que decidades coa vosa papeleta, libremente, nas urnas democráticas de Galicia por iso imos todos votar, votar sen medo, votar libremente, votar de forma tranquila. Votade, elixide en liberdade. Pódese votar con total tranquilidade, con total normalidade", di Alberto Núñez Feijóo do PPdeG.

A Marea Galeguista pegou os primeiros carteis electorais en Santiago. Pancho Casal prometeu un goberno de progreso no que os intereses de todos os galegos, voten a quen voten, estarán presentes.

"A Marea Galeguista vai estar no Parlamento de Galicia para convertelo nunha institución viva e diversa como viva e diversa é a sociedade galega. Unha institución viva na que se poña en marcha a reconstrución económica e social do país contando con todos e con todas", asegura Pancho Casal da Marea Galeguista.

O PSdeG tamén escolleu a capital de Galicia para empezar a campaña. Gonzalo Caballero agarda que a campaña sirva para colocar a última peza do quebracabezas para construir o progreso e dar un futuro de oportunidades a Galicia.

"Se todos os que hai oito meses acudimos á urnas para que Pedro Sánchez fose presidente do Goberno, o 12 de xullo o cambio en Galicia é imparable, liderado polo PSdeG PSOE, pola forza do cambio, pola forza do impulso", afirma Gonzalo Caballero do PSdeG.

O BNG arrancou a campaña en Compostela onde fixo un chamamento a facer historia cunha muller nacionalista como presidenta para construir unha nova Galicia.

"O cambio galego é posible se nos mobilizamos. Co BNG, Galicia vaise poñer en marcha. Imos construir unha Galicia mellor", di Ana Pontón do BNG.

A coalición Galicia en Común-Anova Mareas abriu en Vigo a campaña. "É fundamental que haxa un novo goberno neste país, un goberno que poña no centro toda a mocidade", afirma Antón Gómez-Reino de Galicia en Común-Anova Mareas.

Tamén Ciudadanos escolleu Vigo. Iniciou a campaña nun autocine. "Queremos por fin ter unha Galicia do século XXI, os galegos estamos a tempo, podemos conseguilo, está na nosa man", asegura Beatriz Pino de Ciudadanos.

E Santiago foi o lugar elexido por Vox para comezar a campaña. "Que Galicia viva tamén ese renacer espiritual que están tamén vivindo en Andalucía, en Valencia ou en Madrid", afirma Jorge Buxadé de Vox.

2.697.315 galegos con dereito a voto nas autonómicas

Os galegos renovaremos o próximo 12 xullo os nosos representantes no Parlamento autonómico. Elixiremos 75 deputados, pero o número varía segundo a circunscrición. Á Coruña correspóndenlle 25 deputados, a Pontevedra 22. Mentres que as provincias de Ourense e Lugo elixen o mesmo número de deputados autonómicos, 14.

Os cidadáns con dereito ao voto son preto de dous millóns setecentos mil. Algo máis de dous millóns douscentos mil residen na comunidade e case 463.000 no estranxeiro.

78.500 mozos e mozas poderán votar por primeira vez nunhas eleccións autonómicas por teren cumprido 18 anos desde os anteriores comicios ao Parlamento de Galicia.

Estas eleccións íanse celebrar inicialmente o 5 abril, pero a pandemia de coronavirus obrigou a este aprazamento. Con todo a covid-19 condicionará moitos aspectos formais da votacións obrigando a extremar as medidas de distanciamento e hixiene nos colexios electorais.