CRTVG

Buscar

Comeza a campaña de vacinación da gripe, un virus que podería rexurdir con forza coa fin das restricións

Publicado o 18/10/2021 20:30

O persoal sanitario é o primeiro que pode vacinarse contra a gripe. O motivo: está máis exposto ao virus e ás súas variantes, pode actuar como transmisor a pacientes de risco e a outros sanitarios. Pero hai outra razón, a de dar exemplo.

"O feito de que o persoal sanitario se vacine fai que a poboación xeral teña máis confianza na vacina", explica María Sande, responsable de Medicina Preventiva do CHUO.

O ano pasado as restricións de mobilidade e reunión e o uso masivo da máscara contribuíron a que a gripe apenas tivese incidencia ningunha. E aínda que é un virus moi impredicible, as autoridades sanitarias xa advirten que desta volta non vai haber a mesma sorte.

"Este ano vai circular. De feito en Vigo xa se detectou circulación do virus", informa Cristina Fernández, xefa de Medicina Preventiva do CHUS. "Temos que estar preparados e alerta ante unha posible maior circulación do virus. Unha factible maior circulación ante a diminución das restricións impostas pola pandemia", di a doutora Sande.

Despois dos sanitarios será a quenda dos maiores de 65 anos e dos usuarios das residencias. A mediados de novembro tócalle ao resto da poboación diana e a finais de mes á poboación xeral. Nesta campaña hai en Galicia 900 puntos de vacinación da gripe e 885.000 doses para administrar.

Noticias web

18/10/2021