CRTVG

Buscar

Comesaña valora positivamente o plan para a atención primaria e pide que se aplique con "celeridade"

Publicado o 01/10/2021 21:49
Comesaña valora positivamente o plan para a atención primaria e pide que se aplique con "celeridade"
EP

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, valorou positivamente o acordo alcanzado entre Goberno central e comunidades autónomas para levar a cabo un plan de acción para reforzar a atención primaria que debe ser aplicado con "celeridade".   

Así o manifestou en declaracións difundidas tras asinarse este venres a declaración no 'I Encontro Atención Primaria: Retos e Oportunidades', celebrado en Maspalomas (Gran Canaria). O Plan de Acción toma como referencia o Marco Estratéxico para a Atención Primaria e Comunitaria, aprobado en abril de 2019 e que non chegou a implementarse completamente.   

Comesaña mostrou a súa satisfacción co compromiso subscrito, que entende como "o primeiro paso" do Goberno central para "recoñecer os problemas existentes na atención primaria de toda España" que ten na "falta de médicos" una das cuestións "máis críticas".   

"O Goberno central debe revisar as unidades formativas dos MIR, para así poder formar un maior número de facultativos", incidiu Comesaña, que cre que, sen profesionais, "é imposible abordar todo o máis".   

Así, lembrou as propostas presentadas pola Xunta de realizar unha convocatoria extraordinaria de prazas MIR e eliminar a taxa de reposición como vías para afrontar esta "falta" de médicos. "Débese revisar o programa formativo da especialidade e as unidades docentes, para que sexa posible ampliar o número de centros formativos e titores", engadiu o conselleiro, que tamén destacou outra das propostas que fai a Xunta: crear unha especialidade de médicos de urxencia.   

Segundo o titular de Sanidade, isto permitiría "avanzar nas competencias de enfermería e o papel do persoal de administración en primaria".   

Así as cousas, emprazou ao Goberno central a cumprir cos compromisos subscritos coas comunidades "nos próximos meses" para, deste xeito, "poder avanzar na transformación da atención primaria galega" coa aplicación do plan aprobado pola Administración galega en 2019.   "O compromiso é importante, pero agora resta que se cumpra", concluíu. 

 

Noticias web

01/10/2021