CRTVG

Buscar

Galicia suma 102 positivos vencellados co megagromo de Mallorca, 40 da cepa delta

Publicado o 28/06/2021 11:44

• A provincia de Pontevedra rexistra 89 casos

• Polo menos 18 galegos están illados nun hotel de Mallorca

• As cifras do megagromo: 1.167 infeccións e 4.796 persoas illadas

 

 

A Consellería de Sanidade informou de que son 102 os positivos en covid−19 rexistrados en Galicia relacionados cos gromos que afectaron aos estudantes de varias viaxes de fin de curso a Mallorca, e uns corenta deses positivos son da variante delta.

Segundo os datos actualizados esta tarde, xa son 89 os positivos detectados na provincia de Pontevedra e nove deles na cidade de Vigo. Ademais, ao redor da metade deste gromos en Pontevedra son da variante delta, a máis resistente á vacina.

Á parte dos 89 casos en Pontevedra, hai outros dez en Lugo e tres en Ourense, tal e como informou Sanidade esta mañá, á espera das 90 persoas que chegarán mañá á Lavacolla desde a illa, ás que se lles fará unha proba no aeroporto. Entre as persoas que conforman ese grupo, a maior parte son de Pontevedra, pero tamén hai residentes na Coruña.  

O conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña fai un chamamento aos mozos para que acudan aos cribados, xa que é fundamental para controlar a expansión do virus. Lembra, ademais, que o uso da máscara é obrigatorio en interiores e no exterior cando non se poida garantir a distancia de metro e medio.

Por outra banda, García Comesaña confirmou coa conselleira de Saúde do Goberno balear que polo menos 18 galegos permanecen illados nun hotel de Mallorca, tras confirmarse que interaccionaron nas festas que supostamente foron a orixe do gromo. Ademais de interesarse polo estado dos rapaces galegos, o titular de Sanidade ofreceu a colaboración da Xunta para atallar canto antes o gromo.

Pontevedra, no foco do comité clínico

A provincia de Pontevedra está no foco da reunión que manterá o comité clínico este martes e, sobre a mesa, un posible incremento das restricións. Por determinar está, a falta de analizar a incidencia a sete e a 14 días e mais as características dos casos, se se manteñen no ámbito "importado" fundamentalmente ou empezan a ser de carácter comunitario, para poder determinar se as medidas afectarán a toda a provincia ou a áreas concretas como a de Pontevedra e Vigo.

Respecto ás causas deste episodio, o conselleiro de Sanidade deixou caer que puido haber concentracións en que non se respectaron "as medidas mínimas" de seguridade para facer fronte ao virus.

Comesaña considera que aínda é "cedo" para saber se o gromo masivo de covid−19 que afectou o alumnado de varias viaxes de fin de curso a Mallorca implicará un endurecemento das restricións en parte da comunidade autónoma galega.  En todo caso, lanzou unha mensaxe tranquilizador e remarcou que os resultados "non son tan graves" como se esperaba, e será preciso ver a evolución nos contactos.

Noticias web

28/06/2021