CRTVG

Buscar

Comerciantes do barrio coruñés dos Mallos denuncian unha vaga de roubos

Publicado o 03/03/2020 14:15

Os comerciantes do barrio dos Mallos denuncian unha vaga de roubos nos seus negocios. Din que, amais de levar cartos, rouban todo tipo de mercadorías para poder vender, supostamente, nun mercado próximo e previo encargo.

O último asalto foi a unha pequena tenda de alimentación. Non lograron romper o cristal nin forzar a pechadura. Pero si puideron acceder ao interior desmontando o marco da porta.

"Levaron moitas bebidas e o que máis custaba".

Levaron tamén o caixón cos cartos desta caixa rexistradora que apenas tiña unha semana. En total, o botín ascende a uns 400 euros. Pero para Fani o peor son os danos materiais e o medo que lle queda no corpo. 

"Eu teño seguro, pero é que agora pode que xa non queira seguir asegurándome o negocio... O meu medo é que o tomen por costume".

Porque segundo contan outros comerciantes do barrio, os roubos son case acotío. Roubaron nunha tenda moi preto de aquí, nun salón de peiteado...".

E tamén nos coches que están aparcados na rúa. Explican que a situación lles crea inseguridade.

Algúns xa tomaron medidas e outros pídenas. A Policía Nacional xa abriu unha investigación.


 

Noticias web

03/03/2020