CRTVG

Buscar

Comerciantes da zona vella de Santiago levan varios días sen servizo de teléfono fixo nin Internet

Publicado o 22/01/2020 14:02

O servizo de telefonía e de datos na zona vella de Santiago ten problema novo; un fallo que está a condicionar notablemente a actividade cotiá de bancos, hoteis e comercios de todo tipo e máis se se trata de xoiería pola obriga de conexión de alarmas.

En toda a zona é tamén vella a reclamación de que instalen fibra óptica para ter un servizo moderno, pero agora o problema está a ser maior para bo número de abonados.

Jorge Riande, xerente dun  comercio do Toural, afirma: "Estou sen teléfono fixo fai xa catro ou cinco días e non temos perspectivas de solución. A compañía di que teñen un fallo grave, coa avaría dun aparato, que están intentando solucionalo, pero que non son capaces".

Mari leva dous anos coa tenda noutra rúa da zona e a súa queixa é similar. "Cae moitas veces Internet. Precisamos do servizo para o uso do TPV e cando imos cobrar ou vai lentísimo, ata dez minutos para facer un cobro ou cae a liña".

Desde a Asociación de comerciantes Compostela Monumental din que estas deficiencias no servizo converten a Santiago nun caso inédito e piden a acción das administracións implicadas.

José Manuel Bello Rey, presidente de Compostela Monumental e presidente da Confederación Española de Cascos Históricos explica que "sempre estivemos pelexando e denunciando ante o Concello e outros organismos oficiais, a Xunta de Galicia ou quen sexa, para que teñamos un servizo axeitado como calquera cidade. Podo dicir, como presidente dos comerciantes de cascos históricos de toda España, que Santiago é o único que ten este fallo. Os outros xa o solventaron".

O representante de Compostela Monumental di que xa levanturado moitos prexuízos por un servizo deficiente, e que abonda xa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/01/2020