CRTVG

Buscar

Comerciantes da rúa Real da Coruña piden que se busque un lugar alternativo para os vendedores ambulantes

Publicado o 05/03/2020 14:33

Esta é a imaxe que presenta unha das principias arterias comerciais da Coruña. Vendedores ambulantes que colocan os seus produtos diante dos escaparates do comercio tradicional.

"Aproveitan e colócanse diante, cerca da entrada da porta. Se alguén quere ver o escaparate, non pode ver se lle gusta unha prenda. Xa non entran no comercio".

"Ás mesmas portas dos comercios que venden bolsos, eles venden os mesmos bolsos. Competencia totalmente desleal".

A situación complícase cando coincide na cidade a presenza dalgún cruceiro, un feito que os vendedores ambulantes aproveitan para facer negocio.

"Eles saben perfectamente cando veñen cruceiros, cando hai máis xente paseando polas rúas, e ás veces só deixan dous metros para pasar, o que obriga a ir por outra rúa porque non hai sitio para pasar".

Os comerciantes entenden que a solución está en buscarlles un lugar onde poidan vender os seus produtos con garantías para todos.

"Comprendemos que teñen dereitos, pero que os organicen. Que lles busquen outra localización. Hai feiras noutros puntos da cidade. Poden ir para alí, pero non diante dos comercios que pagamos impostos e sufrimos o que hai que sufrir tal e como está o comercio da cidade".

Os comerciantes están pendentes dunha xuntanza cos responsables municipais para buscar unha solución definitiva a esta vella demanda.

Noticias web

05/03/2020