CRTVG

Buscar

Comerciantes da Mariña inundarán Moncloa con 80.000 cartas a favor de Alcoa

Publicado o 30/10/2019 13:04
Comerciantes da Mariña inundarán Moncloa con 80.000 cartas a favor de Alcoa

A Federación de Comercio da Mariña (FCAM) informou de que hoxe chegarán ao Palacio da Moncloa as 5.000 cartas que lle enviou ao presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, para expresar o seu apoio á continuidade da planta que a multinacional Alcoa ten no municipio de Cervo, así como para reclamar "solucións" para que a factoría siga sendo competitiva no ámbito europeo.

O obxectivo da Federación de Comercio da Mariña, despois de que onte partiran as cinco mil primeiras cartas, é que cheguen ao Palacio da Moncloa nos próximos días un total de 80.000 misivas de comerciantes e clientes desta comarca, cuxa economía depende en gran medida da continuidade de Alcoa, que dá traballo de forma directa a máis de mil persoas, sen contar os empregados das auxiliares.

A través de cada unha das oito asociacións de comerciantes que hai na comarca, a federación puxo ao dispor dos veciños deses municipios un modelo de carta para que llo remitan ao presidente do Goberno.

"Só teñen que poñer o selo e o remite, se así o desexan, para personalizalas e envialas. O obxectivo é chegar ás 80.000", segundo explicou o presidente da federación, José Carlos Paleo.

Todas aquelas persoas que queiran colaborar con esta campaña, explica, só teñen que dirixirse aos establecementos que forman parte das asociacións de Ribadeo, Foz, Burela, Lourenzá, Xove, Viveiro, Covas e O Vicedo para facerse coas cartas.

No escrito, a FCAM explícalle ao presidente do Goberno que aglutina preto de 1.000 negocios e autónomos da comarca, que xeran 5.000 empregos directos, ademais de expresarlle a súa "preocupación pola incerteza que pesa sobre a planta de Alcoa en San Cibrao (Cervo), unha factoría que xera 1.100 postos de traballo directos e outros 700 indirectos".

Lembra, así mesmo, que é "a empresa máis importante da provincia de Lugo" e que o seu peche "sería unha auténtica catástrofe para a comarca da Mariña e os seus máis de 80.000 habitantes".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí