CRTVG

Buscar

Combaten a xeada nos viñedos de Monterrei subindo a temperatura con lume

Publicado o 23/04/2019 19:22

Temos visto métodos diversos para combater a xeada nos viñedos, pero este que puxo en marcha unha adega na comarca de Monterrei chama a atención. A xeada é un dos fenómenos atmosféricos que máis preocupan os viticultores. Probaron diversos sistemas para facerlle fronte. Un xa coñecido en zonas vitícolas de Europa, sobre todo Francia, pero innovador en Galicia é subir a temperatura con lume, pero lume controlado que arde nestes pequenos bidóns de parafina co que se consegue elevar a temperatura entre dous e tres graos e evitar así o efecto pernicioso do frío sobre os pequenos abrochos das vides. 

É o método que decidiu probar a adega Martín Códax no plantío de godello que ten na comarca de Monterrei, para non repetir os danos da xeada de 2017, que acabou con boa parte da colleita. As vides situadas nas valgadas son as que teñen máis risco. Cuns 180 bidóns por hectárea, conseguen elevar tres graos a temperatura.

O sistema ponse en marcha en canto os datos que remite unha estación meteorolóxica indican valores próximos a cero graos. Unha persoa tarda arredor dunha hora en prender unha hectárea. Impacta a imaxe con todas as candeas ardendo. É o método máis eficaz para parcelas pequenas.

O cambio climático está a provocar unha floración máis temperá e as xeadas tardías de abril e maio son máis daniñas. Sábeno os viticultores da Borgoña francesa, que dende hai uns anos utilizan as candeas para darlles calor ás súas vides.

Noticias web

23/04/2019