CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Mediodía

Colocan crotais con microchips nas orellas dos porcos celtas

Publicado o 28/09/2017 14:26

Os criadores de porco celta están a instalar nas orellas dos seus animais chapas identificadoras novas que inclúen microchips. Eses dispositivos permiten recoñecer os animais a distancia, resultan menos molestos para os porcos e garanten a claridade do libro xenealóxico da especie. Contan con que toda a cabana de porco celta os teña implantados para o vindeiro ano.

Estes porcos celtas criados no concello de Cospeito son os primeiros que contan coas novas chapas identificativas que está a implantar a asociación de criadores. Trátase dun método innovador que facilita o traballo tanto dos gandeiros como dos veterinarios e técnicos. O dispositivo pódese ler a distancia de xeito telemático polo que non é necesario prender o cocho e limpar a chapa para identificalo. Ademais ao ser tan pequeno non se extravía con facilidade porque non se enreda na maleza nin nos arames como si pasaba cos anteriores, moito meirandes. Outro problema que se suprime é o de que uns cochos mordan as orellas dos outros parra arrincarlles a chapa.

O microchip inclúe toda a información xenealóxica relativa a cada animal. Así, simplemente con achegar o lector dixital ao porco, pódese coñecer quenes foron os seus ascendentes e as características dos mesmos. Esta posibilidade facilita que a asociación de criadores de porco celta teña máis ferramentas para desenvolver o libro xenealóxico da raza, que aínda está en perigo de extinción. O obxectivo de Asoporcel é que ao longo do vindeiro ano estean implantadas as novas chapas identificativas en toda a cabana de porco celta e, dende logo, nos 3.000 que se agarda que nazan en 2018.

Asoporcel agrupa uns 130 produtores espallados por toda Galicia cunha presenza máis importante na provincia de Lugo. Anualmente sacrifícanse arredor de 1.200 animais e a continuidade da raza garántena os 150 machos e 350 femias reprodutoras. O momento idóneo de sacrificio é cando acadan os 10 meses de idade e os 120 quilos de peso.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí