CRTVG

Buscar

Declarados 10 días de loito polos mortos: "O seu recordo permanecerá sempre"

Publicado o 26/05/2020 14:55

O Consello de Ministros acordou este martes decretar o loito nacional a partir de mañá, mércores, durante dez días como tributo aos máis de 26.800 falecidos pola pandemia, de quen o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, asegurou que "o seu recordo permanecerá sempre" cos españois.

Trátase do período de do máis prolongado durante a democracia, que entrará en vigor a partir desta medianoite, o que fará que a bandeira nacional quede a medio mastro en todos os edificios públicos e buques da Armada.

Nun chío, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, asegurou que esta medida excepcional pretende mostrar "a dor e o recoñecemento" polos falecidos. "O seu recordo permanecerá sempre connosco", proclamou Sánchez na súa mensaxe na rede social.

Na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros, a portavoz do Executivo, María Jesús Montero, afirmou que as miles de vítimas supoñen "moito máis que unha cifra".

"Detrás de cada falecido hai unha historia vital repleta de soños, esperanza, superación ante as adversidades, crecemento persoal, constancia e exemplaridade", dixo a portavoz do Executivo. Montero destacou que oito de cada dez falecidos tiña máis de 70 anos, polo que pertencía á xeración de quen levantou "os cimentos da democracia" e "apostaron por deixar atrás a España dividida".

Co seu sacrificio e a pesar das dificultades, "traballaron de forma dura para sentar as bases do Estado social e de dereito" que puideron gozar xeracións posteriores, salientou a tamén ministra de Facenda.

"Xa non nos acompañan fisicamente, pero permanecerán para sempre na nosa memoria. A súa morte deixounos leccións moi valiosas", engadiu. Montero lembrou que en próximas datas haberá un gran acto oficial presidido polo rei en memoria das vítimas da covid-19.

Noticias web

26/05/2020