CRTVG

Buscar

Os traballadores de Alu Ibérica marchan en caravana e a empresa denuncia presións

Publicado o 28/05/2020 08:19

Os traballadores de Alu Ibérica A Coruña (a antiga Alcoa) protestaron este xoves cunha caravana de vehículos na cidade herculina para esixir que "se investiguen" as sucesivas vendas das factorías da Coruña e Avilés ante "unha situación límite".

Nunha concentración ante a Subdelegación do Goberno na Coruña, o presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho, denunciou que sufriron "un engano terrible" tras a venda das fábricas por parte de Alcoa ao fondo investidor suízo Parter e deste ao Grupo Industrial Risco en menos dun ano, polo que esixen a "intervención" do Goberno central.

"Non imos permitir que o Goberno nos deixe no esquecemento", advertiu López Corbacho, que salientou que "se queremos levantar o noso país temos que manter a industria" pois "sen industria ninguén vai ter futuro aquí", polo que tamén solicitou o establecemento dun prezo da enerxía "competitivo" a través do Estatuto para os grandes consumidores electrointensivos.

A marcha, en que participaron máis de sesenta coches, partiu arredor das 11:45 horas desde a fábrica, en dirección á sede da Delegación do Goberno en Galicia, para chegar ao edificio da Subdelegación do Goberno na Coruña, onde cambiaron de sentido para dirixirse á rúa Federico Tapia e volver.

Os coches, que fixeron soar as bucinas mostrando bandeiras de Galicia e letreiros con frases como "A industria sálvase loitando" ou "Se non hai solución, Maroto dimisión", ían dar nun principio varias voltas nun circuíto pechado desde a praza de Ourense ata a Subdelegación do Goberno, pero finalmente cambiaron o roteiro "por respecto" á cidadanía que está a sufrir "unha crise sanitaria sen precedentes".

Despois, medio centenar de empregados, con camisetas laranxas, concentráronse ante a Subdelegación do Goberno, mantendo medidas de seguridade con distancia e máscaras, para reivindicar a defensa dos seus empregos ao berro de "Ministra Maroto non nos vendas a moto" ou "Onde está o estatuto?".

En declaracións aos xornalistas, López Corbacho manifestou que "é o momento de que o Goberno tome cartas no asunto" e pediu que interveña nomeando "un xestor", xa que ten "un compromiso" cos traballadores "ineludible", aínda que lamentou que o Ministerio de Industria "non está a aparecer".

Tanto a Xunta como o Executivo central, dixo, teñen "a capacidade administrativa para filtrar un engano", polo que demandou que se convoque de novo a mesa industrial con todas as partes e advertiu de que, se non teñen respostas, esixirán "responsabilidades", pois as administracións "apadriñaron o conflito desde o principio".

Tamén cargou contra Alcoa por ser "un sospeitoso claro de todo este proceso" e indicou que teñen "moitas dúbidas" do seu percorrido desde 2018.

A Inspección de Traballo acudiu este mércores á planta, despois de que o comité presentase unha denuncia o pasado venres.

Tamén esta semana a nova dirección de Alu Ibérica, liderada por Risco, informou de "numerosas irregularidades" nas factorías da Coruña e Avilés por parte dos xestores anteriores e manifestou a súa vontade de pedir responsabilidades os próximos días ante as autoridades competentes por esta xestión.

Ante o conflito aflorado onte en San Cibrao (Lugo) polo anuncio de despedimentos, López Corbacho apuntou que xa anunciaran esta situación en 2018 e mostrou o seu apoio aos empregados pois "as solucións para eles serán solucións para nós".

Ademais, o BNG apoiou esta protesta e pediu "unha intervención pública", unha "investigación" e que "actúen" a Xunta e o Goberno pois "o país non pode permitir este trapicheo de postos de traballo", sinalou Xosé Luís Rivas.

Tamén o deputado provincial da Marea Atlántica Alberto Lema participou na concentración para manifestar a súa "preocupación", pois "son 400 familias da Coruña que dependen desta planta e queremos saber cal vai ser o seu futuro".

Noticias web

28/05/2020