CRTVG

Buscar

Unha denuncia por abusos racistas forza a Generalitat a actuar contra 6 axentes

Publicado o 16/06/2020 08:15

Lamentable episodio de abuso policial racista, esta vez moi preto. Ocorreu en Cataluña. Foi hai máis dun ano, pero ata que agora o difundiu a propia vítima, e SOS racismo, a Genetalitat non tomou medidas contra os seis axentes implicados.

Agora si, promete o conselleiro de Inteiror, Miquel Buch, unha comparecencia, e os mossos foron trasladados de destino.

Buch, xunto co director dos Mossos d'Esquadra, Pere Ferrer, acordou este luns cambiar de forma inmediata de destino os seis axentes da área de recursos operativos dos Mossos d'Esquadra que un xuíz de Manresa (Barcelona) investiga por insultos racistas a un rapaz.

A entidade SOS Racismo fixo público un audio en que se escoita presuntamente un axente dos Mossos proferindo repetidos insultos racistas a unha persoa, entre eles "es un mono" ou "negro de merda", nun incidente que ocorreu o 10 de xaneiro de 2019 en Sant Feliu Sasserra (Barcelona), polo que actualmente hai seis mossos investigados.

Segundo informaron fontes da consellería de Interior, Buch e Ferrer, que pediron comparecer no  Parlament, acordaron a aplicación inmediata como medida cautelar do cambio de destino dos axentes implicados neste episodio, á espera da resolución xudicial do procedemento aberto en Manresa.

Buch e Ferrer adoptaron esta decisión ao teren coñecemento este luns do audio do incidente, gravado pola propia vítima, en que ademais de ser obxecto de insultos e ameazas do tipo "a próxima vez que vexas a policía corre, pero tenta ir máis lonxe de África", denuncia que foi cuspido e pateado.

"Por favor, deixádeme en paz, que son un humano coma vós", di nun momento, ao que un axente contesta: "Non es humano, ti es un mono. Negro de merda". O propio policía recoñece máis tarde: "Son racista, moito".

Por este caso, o Xulgado de instrución 5 de Manresa (Barcelona) abriu en febreiro de 2019 unha investigación contra seis axentes da policía catalá, por mor da denuncia da contorna da vítima, por un delito de lesións e outro contra a integridade moral, segundo informou hoxe o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña.

Os seis axentes foron citados como investigados no xulgado en outubro do pasado ano e acolléronse ao seu dereito a non declarar neste procedemento, que segue aberto pendente de practicar máis dilixencias.

Unha denuncia amplificada polas mobilizacións que comezaron nos Estados Unidos contra a brutalidade policial e racista da policía. En Manresa, centos de persoas saíron á rúa con proclamas antirracistas e cunha mención especial a este caso que acaban de escoitar, e que tivo lugar nunha localidade da provincia de Barcelona.

Noticias web

16/06/2020