CRTVG

Buscar

Os colares con GPS permiten localizar e xestionar o gando dos montes

Publicado o 15/08/2019 14:39

Localizar o gando dos montes nunca foi tan doado. A incorporación de dispositivos GPS no colar dos animais permite que os gandeiros controlen os rabaños sen necesidade de saír da casa.

Ás tradicionais chocas do gando saíulles competencia. A incorporación de dispositivos GPS no colar dos animais permite que os gandeiros os teñan localizados sen ter que saír da casa. Ademáis estes dispositivos controlan os percorridos que fai o gando e avisan se hai reses en celo ou amenazadas polo lume e a fauna salvaxe.

As cachenas e os cabalos desta gandería pastan libremente nas 900 hectáreas do monte comunal de Padróns, moi preto de Vigo. Atopar os animais podería ser como buscar unha agulla nun palleiro pero Iván tan só ten que botar un ollo ao móbil para telos localizados. El foi un dos primeiros en incorporar o GPS nos colares do gando e asegura que pagou a pena.

" Para min foi un éxito. Mellora os anteriores dispositivos e é máis barato. Só o que aforras no gasoil de viaxes ao monte ou en perdas de animais enfermos que antes non dabas atopado nunha semana xa paga a pena"

O dispositivo, con cobertura por satélite e un ano de batería, non só permite localizar os animais senón que axuda a protexelos en situacións de emerxencia. Comprobouno en 2017, cando logrou salvar cinco eguas do lume grazas ao GPS.

"Acabaron rodeadas de lume, a única forma de rescatalas foi coa ubicación do GPS. Alí púxose a proba o colar, non fallou coas temperaturas altas nin coa axitación dos animais"

Movementos inusuais para fuxir de depredadores, cambios de temperatura, a chegada do celo...o colar intelixente emite datos sobre a saúde e os movementos dos animais que lle permiten mellorar a xestión da gandería.

" Localiza e monitoriza o gando. Aporta datos do estado dos animais, as temperaturas, os percorridos que fan e permite establecer perímetros para determinadas actuacións. Se saen del, o colar avísate"

Os avisos permítenlle que os rabaños non vaian ás estradas ou entren en zonas de cultivos e plantacións. Menos preocupacións, menos viaxes ao monte e tempo que gaña para se adicar á comercialización da carne.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/08/2019