CRTVG

Buscar

Colapso nas urxencias do hospital Severo Ochoa de Leganés

Publicado o 03/04/2020 16:00

O hospital de campaña habilitado para desconxestionar o Severo Ochoa de Leganés abriu antes de onte cunha primeira remesa de 30 contaxiados, e sen unha previsión clara de cando se ocuparán as 120 camas dispoñibles.

Leganés é unha das cidades satélite da capital que está padecendo o impacto frontal da pandemia do coronavirus. Só o pasado martes, cando marzo botaba o fecho, morreron alí 41 persoas. Un día negro na historia da cidade. Un dos últimos quince días infernais no hospital Severo Ochoa, que destaca como punto crítico do sistema sanitario madrileño.

As urxencias mestas con máis de 300 persoas, onde a capacidade normal non supera as noventa. 34 camas de UCI ampliadas sobre as 10 habituais, e o esforzo ao límite do persoal sanitario para atender unha situación agravada pola alta concentración de asilos na localidade. Leganés ten oito xeriátricos e máis de dous mil residentes. Xa se contabilizan cen anciáns falecidos, cincuenta deles nunha mesma residencia.

E Madrid e Barcelona preparan xa novas instalacións para o depósito de cadáveres. Esta é a impresionante imaxe do aparcadoiro do tanatorio de Collserola na Cidade Condal, mentres en Majadahonda reutilizan o Palacio Xeo, no que será o terceiro tanatorio de campaña creado en Madrid desde que comezou a crise sanitaria.

Noticias web

03/04/2020