CRTVG

Buscar

Unha cabina blindada para axuizar en Teruel a Igor o Ruso

Publicado o 28/01/2020 08:32

Comezou na Audiencia de Teruel o xuízo contra o ex-militar serbio coñecido como Igor o Ruso, acusado de dous intentos de homicidio. O detido está acusado ademais de cinco mortes en Italia e España, e a súa perigosidade obrigou a facer para el unha cabina blindada.

Baixo fortes medidas de seguridade chegaba aos xulgados Norbert Feher, o ex-militar serbio de 43 anos, alcumado Igor o Ruso, acusado de varios de asasinato e dúas tentativas de homicidio.

Por este último delito comezou a ser xulgado hoxe na Audiencia de Teruel e dada a perigosidade do acusado, o Goberno de Aragón decidiu construír para el unha cabina blindada.

Igor o Ruso admitiu que disparou contra os dous homes e preguntado sobre se tentou matalos dixo que no lugar non había moita luz e non sabía moi ben onde disparaba.

Pero sobre el pesan acusacións máis graves. Dous asasinatos en Italia, polos que fora condenado a cadea perpetua e outros tres en España, os dun gandeiro e dous gardas civís, cometidos a mediados de decembro de 2017, feitos estes polos que será xulgado nos próximos meses.

Pero na súa última intervención de hoxe, o acusado denunciou que había sobre el moita propaganda mediática.

Deste xeito quedaba visto para sentenza un xuízo que a pesar do dispositivo policial, dos máis de sesenta medios acreditados e da cabina blindada, era para o presidente da audiencia un xuízo como outro calquera.

 

 

Noticias web

28/01/2020