CRTVG

Buscar

Citan a declarar novas testemuñas polo asasinato dun mozo en Salceda de Caselas

Publicado o 06/08/2019 12:59

A xuíza do Porriño que instrúe o caso do asasiato de Soufian Mahra citou esta semana catro testemuñas que poderían identificar un sospeitoso. A familia do falecido podería recibir esta semana o permiso para repatriar o corpo a Marrocos.

As catro persoas que están citadas para este xoves nos xulgados do Porriño coincidiran, nunha declaración previa, en sinalaren outro sospeitoso. A maxistrada, que mantén o caso baixo segredo de sumario, quere estreitar o cerco arredor deste home, que podería estar xa identificado, e que compartiría algunhas características físicas co mozo que foi arrestado poucas horas despois do crime.

O único detido, que carece de antecedentes policiais, foi excarcerado aos dez días por un posible erro de identificación. Agora comparece quincenalmente nos tribunais en calidade de investigado e reiterou á Televisión de Galicia, mais fóra de cámara, o seu desexo de que o culpable sexa apresado canto antes.

É a mesma arela que expresa a familia da vítima, que mantén contacto cos investigadores. Entre a esperanza e a preocupación, tamén están pendentes da repatriación do corpo do falecido, que o mesmo xulgado porriñés podería autorizar nas próximas horas.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/08/2019