CRTVG

Buscar

A UE e a OMS reclaman medidas estritas para evitar un peche xeneralizado

Publicado o 16/10/2020 08:18

• "Acábase o tempo", mensaxe de urxencia da máxima autoridade sanitaria europea

• Os contaxios marcan máximos en países como Francia, que superou os 30.000 casos nun día, o Reino Unido ou a República Checa, coa maior taxa

Europa advirte. "Acábase o tempo", dicía nas últimas horas a comisionada de Saúde da Unión Europea.

"Cada un debe facer o que é necesario para evitar os devastadores efectos sanitarios, sociais e económicos dun peche xeneralizado".

A Comisión Europea pide unha maior coordinación no rastrexo de infeccións e que os países adopten unha estratexia común para a administración das vacinas tan pronto estean dispoñibles.

Tamén na OMS mostran preocupación ante o crecemento exponencial dos contaxios en Europa. Odirector rexional da Organización asegura que a relaxación das medidas pode provocar que nos vindeiros meses se produzan entre catro e cinco veces máis mortes que na primeira onda da pandemia. Con todo, asegura a OMS que ainda hai marxe para actuar.

Desde Bruxelas, o presidente do Goberno facía unha proposta de acordo aos líderes da Unión.

A un ritmo duns cen mil novos casos diarios, Europa xa superou os Estados Unidos. Varios países europeos rexistran as súas cifras máis altas de casos diarios de toda a pandemia e endurecen as súas restricciones.

Á cabeza sitúase a República Checa, coa taxa más elevada de casos por cada 100.000 habitantes.

Moi alarmante é a situación en Francia, que superou onte a cifra de 30.000 casos nun só día e 88 falecidos. Doce mil axentes vixiarán que se se cumpra o toque de queda establecido en París e noutras sete cidades desde o sábado e durante catro semanas.

En Alemaña, o número de casos nas últimas 24 horas achegouse aos sete mil, o nivel máis alto desde o comezo da pandemia. É obrigatorio o uso da máscara a partir dunha incidencia de 35 casos por cen mil habitantes. Con 50 casos pecharase a vida nocturna a partir das once da noite.

No Reino Unido, a partir da vindeira medianoite, prohíbense as reunións en espazos pechados para persoas non conviventes e ao aire libre só se poden xuntar seis persoas. Os pubs e os restaurantes deberán pechar ás dez da noite.

Nos Países Baixos, que chegaron a rexistrar 40.000 casos na última semana, están confinados parcialmente desde o mércores durante polo menos un mes.

Italia está en estado de emerxencia ata o 31 de xaneiro, e Portugal, en estado de calamidade.

 

Noticias web

16/10/2020