CRTVG

Buscar

Cociñas e fornos están detrás da maioría dos incendios domésticos

Publicado o 20/01/2020 12:24

Os incendios domésticos son unha das principais incidencias durante todo o ano para os equipos de emerxencia. En 2018 contabilizáronse máis de 2.000. Unha parte considerable deles iniciouse nas cociñas, principalmente entre as dúas e as catro da tarde.

A vivenda é o lugar onde se producen máis incendios. Os bombeiros de Santiago acudiron a 78 avisos por incendios domésticos o ano pasado. Unha porcentaxe considerable deles, un de cada seis, iniciouse en cociñas ou fornos.  

Manuel Sanmartín, oficial dos bombeiros de Santiago: "O máis perigoso son as tixolas ao lume que, con aceite, acadan temperaturas moi elevadas. Tamén as cambotas extractoras onde se acumula cantidade de graxas, son difíciles de limpar e, se chega a elas o lume, o perigo é elevado".

A falta de mantemento de caldeiras ou chemineas pode saír moi cara. O ano pasado morreu unha anciá na Estrada pola acumulación de fume da cociña de leña. Pero a maioría das veces as consecuencias non son fatais. 

Manuel Sanmartín, oficial dos bombeiros de Santiago: "As causas máis frecuentes son descoidos: alguén que deixa a comida ao lume mentres sae facer un recado, buscar os rapaces ao colexio e ten previsto volver axiña. Tamén por quedar durmido mentres fai a comida, normalmente iso acontécelle á xente máis nova".

Non deixar cousas ao lume sen vixilancia, non abandonar a vivenda e evitar ter produtos inflamables preto do lume son os mellores consellos para previr este tipo de incendios. 

Manuel Sanmartín, oficial dos bombeiros de Santiago: "Tennos ocorrido que xente se queima intentando extinguir un incendio. O mellor, se se ve que o incendio está moi desenvolvido, é ter a precaución de chamarnos a nós como especialistas na materia".

Ademais de chamar ao 112, os especialistas aconsellan pechar a porta do cuarto onde está o lume e cortar a electricidade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/01/2020