CRTVG

Buscar

Galicia Noticias Serán

Cociñar empregando a enerxía solar

Publicado o 04/05/2016 20:50








Arredor de medio cento de pratos diferentes cociñáronse hoxe no campus da Universidade da Coruña cun método pouco convencional. Os fornos estaban feitos de madeira ou de cartón e a enerxia que se utilizou para a cocción foi a solar. Non puido haber mellor día para a iniciativa promovida pola Universidade e ADEGA.



Polo, arroz á cubana, xardas, polbo, callos, cuscús con verduras, mazás asadas ou biscoito con chocolate foron algúns dos pratos elaborados co sol que quentou todo o día no campus coruñés de Elviña.

"Non precisan de auga, non precisan de aceite para repartir a calor, porque a calor venlle do sol. Venlle de arriba. Para facer un peixe, para facer unha carne simplemente se poñen dentro das bandexas e quedan perfectamente feitos", cóntanos Juan Bello, profesor do Centro Integrado de FP de Someso.

Por tres euros podemos construír cunhas caixas de cartón o noso propio forno solar, onde se poden acadar os 150 graos de temperatura. Tamén hai cociñas solares, que podemos mercar por uns 300 euros.

"Son máis sofisticadas. Son cociñas comerciais, mércanse e cociñan ás mil marabillas, máis ou menos ao ritmo dunha cociña vitrocerámica ou unha cociña de gas, lixeiramente máis lentas, pero cociñan a bo ritmo. As parabólicas teñen moita potencia, entón hai que remexer a comida, hai que seguir a orientación do sol. Os fornos, non. Os fornos déixaos aí e tres horas máis tarde tes a comida feita. Un cociñeiro malo coma ti pode confiar plenamente en que a súa comida vai estar feita nunha caixa de cartón", dixo o profesor Bello.

O sabor é máis intenso, porque os alimentos se cociñan no seu zume. Os comensais deixaron limpos os pratos.

"Moi ben, moi ben. Todo o que probei estaba rico"
"Non atopo ningunha diferenza. A única diferenza é que isto é unha romaría e na casa estás soa", dixeron algunhas comensais.

É unha formar de maridar a cociña con conceptos como enerxía renovable, eficiencia enerxética ou economía de recursos.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí