Coa capacidade dos albergues ao 30 %, os peregrinos teñen problemas para atopar cama
O Camiño Francés rexistra esta semana a maior afluencia de peregrinos dende 2019. Debido ás restricións sanitarias, a capacidade dos albergues está limitada ao 30 por cento, polo que está a haber verdadeiros problemas para atopar cama nesta ruta xacobea. De feito, son moitos os que se ven obrigados a camiñar pola noite ou mesmo durmir á intemperie.
"Hai tres noites que durmo fóra, sobre o chan nunha esteira. E fai frío". "Saímos onte de Sarria e polo medio do camiño empezamos a chamar para durmir en Portomarín e estaban todos cheos. Ao final conseguimos un a doce quilómetros de Portomarín, e tivemos que facer unha etapa un pouco máis longa. E agora encontramos en Melide, a onde tamén chamamos a seis ou sete sitios e estaban todos cheos". "Falamos con algúns peregrinos que non tiñan onde durmir, que nos dicían que atoparan unha reserva por unha cancelación de última hora, pero que non sabían onde ían durmir os dous días seguintes", comentan varios peregrinos.
Nalgúns casos, dende os albergues tiveron que negarlles cama mesmo a un cento de peregrinos por día. Practicamente só atenden aqueles que teñan unha reserva feita con varias xornadas de antelación.
"Estes dous últimos días houbo moita xente porque queren chegar o 25 a Santiago. Aquí, por exemplo, tivemos que dicirlles que non a moita xente. De coller o teléfono e dicir que non, non hai sitio, non hai sitio, non hai sitio...", di Carles Badía, propietario dun albergue.
No caso de Palas, os peregrinos incluso tiveron que buscar cama en casas de turismo rural situadas a quilómetros de distancia do Camiño.