Coa app Galicia Nomeada podemos axudar a manter os millóns de topónimos aínda por rexistrar
Viaxar polo país ou navegar polas distintas aplicacións vinculadas á rica toponimia galega pode ser un pasatempo fascinante e moito máis. Podemos atopar nomes de lugares teoricamente afastados como Exipto ou Belén, pero que en realidade non están tan lonxe...
Ana Boullón, lingüista, especialista en onomástica: "No Nomenclator de Galicia, que é o repertorio que recolle os núcleos de poboación, que son aldeas, parróquias e concellos, hai uns 40.000 topónimos".
E iso non é nada, porque logo está a microtopomia, os nomes de leiras, fontes, pedras ou camiños... Un universo aínda a medio inventariar oficialmente que pode chegar aos tres millóns de termos. Toda unha riqueza terminolóxica que está en perigo e que podemos axudar a preservar coa aplicación de toponimia colaborativa Galicia Nomeada.
Ana Boullón, lingüista: "Esta aplicación posibilita que, cun móbil, ti te vaias movendo polo territorio e calques o punto exacto onde estes e poñas o nome do sitio. Logo un gabinete de especialistas da Real Academia Galega contrastará esa información e permitaranos acceder a boa parte do saber que se agocha neses nomes, que, por certo, moitas veces non é o que semella de entrada... Foilebar, hoxe parece que son dous verbos, foi e levar, sem embargo ven do latín fogium lupale, que quería dicir foxo de lobos, un terreo moi inclinado onde lle facían foxos para os lobos", aclara Ana Boullón.