CRTVG

Buscar

Co reinicio do curso universitario volven tamén os cribados para frear os contaxios

Publicado o 10/01/2021 14:16

En plena terceira vaga da covid-19, os estudantes universitarios retornan aos seus centros de estudo despois de pasaren as vacacións do Nadal coas súas familias. Bibliotecas e facultades concentran grandes aglomeracións de estudantes con vistas aos exames. Por iso, esta semana anunciouse o incremento de cribados mediante probas PCR para detectar e controlar posibles contaxios.

"Vimos das nosas casas, de ver os nosos familiares, e está ben saber se collemos covid ou non", comenta un estudante; "Penso que está ben porque no Nadal todo o mundo amplía o seu círculo. Porque aquí estudas cos teus amigos, pero despois tes que ir á casa e ver un montón de familiares que non viches en todo o ano. Está ben saber se tes covid ou non para reducir as probabilidades de contaxiar", defende outro.

Para participar no cribado volverá reactivarse o rexistro de viaxeiros do Sergas, tal como se fixo cando os estudantes marcharon de vacacións do Nadal. Os universitarios que o desexen poden apuntarse para someterse ás probas diagnósticas e confirmar o seu estado de saúde.

"Xa houbo un rexistro cando volviamos ás nosas casas -comenta un universitario-. Eu fun a Lugo e fixen unha PCR, pero agora ao volver tamén había posibilidadade. De feito, informáronme de que a había e non coñezo moita xente que a fixera". "Penso que hai moita concienciación, e agora hai certa preocupación polos exames presenciais a ver como saen. Espero que se controle ben e que saian ben", comenta outra estudante.

Os cribados que se realizaron en varios campus galegos durante a segunda onda da pandemia, deixaron uns resultados inferiores ao un por cento de contaxios entre os universitarios.

 

Noticias web

10/01/2021