CRTVG

Buscar

Clubs e sindicatos desbloquean a folga no fútbol feminino español

Publicado o 18/11/2019 17:17

A folga de futbolistas, secundada por todas as xogadoras agás unha, suspéndese ata o día 20 de decembro. As xogadoras conseguiron o seu obxectivo: un soldo mínimo de 16.000 euros ao ano e un 75 % de parcialidade, é dicir que as futbolistas con contratos por horas non poidan cobrar menos do 75 por cento deses 16.000 euros.

Os representantes das xogadoras comprometéronse a retirar a convocatoria de folga e a darlle aos clubes un mes para buscar o financiamento. A patronal calcula que precisa 1.6 millóns de euros para poder cumprir coa súa parte do acordo e agarda que algunha entidade pública ou privada lle axude a chegar a esa cifra logo de que o Goberno, a través do Ministerio de Traballo apoiase a proposta das xogadoras.

As partes seguirán traballando e confían en que o vindeiro 20 de decembro se asine por fin o convenio do fútbol feminino. Así que esta fin de semana volve a competición. E faráo ao grande para o Deportivo Abanca, tócalle medirse co campión de liga, o Barça.